09/08/2006 | Vigo Metropolitano
A Deputación Provincial de Pontevedra instalou xa a depuradora de augas residuais para núcleos de 250 veciños na illa de Ons. O proceso de traslado e montaxe, realizado pola empresa Soluciones Medioambientales y Aguas S.A., desenvolveuse a pasada noite entre as dúas e as cinco da mañá. O presidente do organismo, Rafael Louzán, desprazouse ata a illa esta tarde para supervisar, in situ, e acompañado dos técnicos o estado da planta.
Louzán, a deputada Francisca Canal, a alcaldesa de Bueu, Elena Estévez, e persoal da empresa instaladora.
O día e o horario escollido para realizar este traballo non foi escollido de forma aleatoria senón que, tal e como explicaron os técnicos “tiñamos que aproveitar a marea viva, é dicir, o momento no que estivese máis alta para evitar que a embarcación quedase encallada debido ó seu gran volume”. O proceso de transporte deu inicio ás dúas da mañá no porto de Portonovo. Unha barcaza foi o vehículo utilizado para transportar o camión coa planta depuradora enriba.
Última tecnoloxía
As plantas contan cunha tecnoloxía moi avanzada. Están baseadas nun tratamento biolóxico que non necesita a incorporación de aditivos e cloros posto que son as bacterias naturais as encargadas de actuar sobre os residuos orgánicos de forma natural.
As depuradoras son prefabricadas e compactas que non producen lodos, malos olores nin ruídos. Os gastos de explotación non superan os 200 euros ó mes e a obra civil para a súa instalación é sinxela posto que permanecen a ceo aberto. Ademais teñen unha vantaxe importante xa que ó ser prefabricadas poden ser trasladadas a outro emprazamento. Por outra parte, compre salientar que plantas foron creadas para ser autómatas, é dicir, que poden ser controladas a través dun ordenador e non precisan o control permanente de persoal especializado.
Funcionamento das plantas
O traballo da depuradora comeza cunha trituradora que funciona case permanentemente. O líquido resultante pasa a unha cámara na que se inxecta osíxeno para que as bacterias poidan actuar. Este produto pasa a unha segunda cámara onde se produce a decantación para, posteriormente, pasar á outra cámara a través dun reactor biolóxico que deposita a auga biodegradada e filtrada nun terceiro depósito onde se produce a desinfectación. Finalmente a auga volve ó couce.
Ver Fuente de Origen de esta noticia